Saída Nómada polos Marabillosos Montes de Vigo. Crónica e fotos de I.O.

En movemento: 4 h 29 min. ( 3,6 Km/h de media)

POLOS MONTES DE VIGO. Nómadas

Hai veces que unha camiñata vai máis alá das súas propias virtudes e iso aconteceu este sábado pasado. O propio da camiñata é o contacto coa natureza, a consciencia do corpo e da mente, a convivencia coas persoas que acompañan os nosos pasos; pero hai veces que, ademais, se produce unha inmensa descoberta do territorio cando está cheo de tesouros naturais e etnográficos inimaxinables. A ruta circular realizada polos Montes de Vigo foi especialmente sorprendente, mesmo para os máis vigueses dos camiñantes, por darse nun concello que acolle un área urbana moi extensa e que se mantén principalmente pola industria e o polo seu porto; pero a riqueza natural é un dos valores vigueses.

Os pasos partiron do "sanatorio do Alba" para pisar por montes de varias parroquias viguesas: Valladares, Matamá, Comesaña, ... rodeando o Freixo por sendas arboradas sin cruzar ningún núcleo veciñal, apenas unha pasada tanxencial polo Outeiro de Casás na parroquia de Comesaña; a cidade urbanizada e o término municipal, na súa ampla extensión, deixábanse ver só dende os miradoiros e dende pequenos claros entre os bosques dos "montes de Vigo".

No principio unha vaca morta na estrada por un recente accidente de tráfico; alí estaba Gregorio, presidente da mancomunidade dos montes de Valladares, co teléfono en man para localizar ao propietario e arranxar o asunto eficazmente. Poucos metros despois a primeira panorámica do Concello e máis alá (o Navia Novo, o innomeable HAC, o Morrazo, o Meixoeiro,...) dende a capela do monte Alba ou de San Bartolomeu (507 m) e dende o vértice xeodésico do monte Cepudo (527 m).

Despois da baixada dende o Cepudo transitamos pola fermosa senda cara a canteira de Canaval, do Concello de Nigrán e despois de pisarlle un pouquiño ao de Gondomar, casi nada. Pero rápidamente volvemos a Vigo polo Zondal (en Valladares-Freixo) e fixemos unha paradiña de reagrupamento con merendiña matinal.

O Zondal fora un vertedoiro de Vigo que se explotou ata o límite co lixo de todo tipo que xeneraba a cidade en cantidade de 150 Tm diarias; hoxe está selado e ofrece unha imaxe bucólica con vacas pacendo a herba verde sobre a montaña de residuos que ferve non se sabe que cousa. Dende as proximidades unha vista da Oeste da cidade urbanizada, co Navia-novo ven visible.

O descanso servíu para a distribución da sorte do día en forma de carta chamánica e cada quen converteuse en "zarigüeya", ra, porco espiño,... e ave lira; curioso animal que coñecín nese momento e que ten a rara habilidade de reproducir todo tipo de sons, mesmo os que produce a tecnoloxía. Na parte máis máxica da interpretación a ave lira está asociada á evolución en espiral e á danza dos derviches xiróvagos; durante a xornada fumos repasando o libriño para ver as interpretación da sorte de cada quen.

De seguido un dos tramos máis fermosos da xornada, os muiños de Talliños na parroquia de Comesaña, tamén usados polos veciños do Freixo, e a fervenza de As Lapas localizada na parte baixa do regato de Talliños; imaxes impresionantes que acreditan unha fermosura natural e etnográfica do concello de Vigo que non precisa de máis difusión para non caer nesa moda invasiva, depredadora, de presentarse a moreas nos puntos "máis marabillosos do mundo". Estes santuarios son para descubrir en pequenas doses, camiñando, integrándose coa naturaza e a paisaxe, sin asfalto, sin papeleiras (o lixo que se xenera vai de volta con quen o trouxo), sin tendas de imáns para frigorificos...

En varios tramos de xornada seguimos as sinalizacións dos "Sendeiros locais de Vigo" que é un proxecto no que participa a concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo e a Mancomunidade de Montes de Vigo (Montes de Vigo) que preside un gran sendeirista como é o noso colega Uxío González.

Outra sorpresa da xornada foi o descubrimento do Castro de Casás, en Comesaña, con amplas vista á cidade de Vigo, ao Morrazo, ás Cíes; con perfecta visibilidade dos adefesios urbanísticos da torre de Toralla e dos apartamentos de Coruxo. Alí pertiño do castro un practicante da arte kisht co seu particular monumento ao cabalo facendo a súa aportación ao feismo endémico.

No Castro de Casás téñense atopado restos da idade de ferro e da romanización; anque está sin escavar hai pezas no Museo Quiñones de Léon procedentes deste castro.

A comida no parque forestal de Maruxento, foi outro momento de encontro co padal; despois dos tradicionais bocatas viñeron as delicatessen: croisanciños, bombóns (ferrero e moncheri), bica, etc. e o café tivo que esperar ata o restaurante do Monte dos Pozo, que tamén conta con vistas panorámicas. No medio quedara o albergue do Freixo que da asistencia aos peregríns que fan o Camiño Portugués de Santiago pola costa. 

O tramo final en subidiña de menos dunha hora deixounos no parque de esculturas do monte Alba para disfrutar dos últimos raios do espléndido día soleado.

I.O., decembro 015

No hay comentarios:

Publicar un comentario